· TRES ECOSISTEMAS ·

CEIP Marquesa do Pazo

Este proxecto de transformación do parque infantil do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé está promovido pola Concellería de Educación e Alcaldía do Concello de As Neves. Financiado polo Concello das Neves e a Deputación de Pontevedra. Apoiado e atendido por toda a comunidade educativa, especialmente polo equipo directivo e membros do equipo docente que aportaron moito e facilitaron a participación de todo o alumnado.

En TREES_Ecosistemas consideramos que calquera proxecto debe nacer, medrar e florecer en interacción cos seres que habitarán os espazos nos que intervemos.

A realización dunha transformación en calquera espazo debería ir acompañada dun proceso participativo e de aprendizaxe, máis aínda se o lugar sobre o que se vai desenvolver a acción é no ámbito educativo.

Por iso, incorporando esta interacción, esta participación desde a fase de deseño parécenos clave para recoller esas sementes, recoller toda a información, necesidades e poder dar resposta a todo isto a través do deseño.

Así mesmo, a través desta participación no deseño iremos conseguindo que dende os primeiros pasos se enriqueza o Ecosistema.

Elaboráronse obradoiros con alumnado, familias e profesorado para recoller todos os seus puntos de vista, necesidades, soños e tamén para achegalos aos beneficios da natureza na aprendizaxe e a convivencia e a Permacultura.

Coa transformación e rexeneración deste espazo buscamos achegar o alumnado á natureza, dando resposta ás súas necesidades e apoiando tamén o traballo e as metodoloxías do equipo docente.

O proxecto quere converter o espazo exterior nun ecosistema de aprendizaxe onde poidan vivir consigo mesmos e coa Natureza e aprender xuntos.

Para iso propoñemos diferentes recursos para proporcionar recunchos onde se poidan desenvolver as estratexias didácticas propostas polo profesorado.

O espazo está pensado para ser un centro de investigación e experimentación en función das necesidades e intereses do alumnado, dándolle relevancia á aprendizaxe a través dos sentidos, permitíndolle ver, tocar, ulir, saborear e mesmo escoitar o que alí acontece.

O parque infantil de Educación Infantil organízase por zonas/recunchos para abordar a diversidade e tamén para dar espazo a diferentes interaccións sociais e fomentar a convivencia.

O espazo do patio convértese así en espazo propio do alumnado, nun espazo de convivencia e aprendizaxe en harmonía coa natureza.